Ineficacia e vellas maneiras na política cultural do Concello de Redondela

O pasado 19 de abril, a concellería de Cultura presentou un bosquexo de subvencións para actividades culturais en Redondela aos Centros Culturais do municipio. Anova congratúlase desta iniciativa, vella reivindicación do movemento asociativo redondelán. Con todo, Anova quere mostrar publicamente o súa crítica a certos puntos deste borrador que, baixo o seu criterio, van contra os principios que desde Anova considera deberan rexer a política cultural do Concello. Así mesmo, Anova quere denunciar a demora na posta en marcha dos programas de cultura do 2013 e os prexuízos que isto ten nas actividades culturais, sobre todo, das parroquias de Redondela.

Subvencións

No baremo de puntuación proposto para valorar “obxectivamente” as actividades susceptibles de axuda, o mérito que suma unha maior puntuación no baremo é o de “Coordinación e complementariedade con actividades desenvolvidas polo servizo de Cultura”, puntuado o dobre que o resto de méritos. O que se está a puntuar neste apartado é claro: quen colabore co Concello de forma desinteresada e ao ditado das necesidades municipais, contará con maior puntuación nas subvencións e, polo tanto, maior axuda económica. Esta proposta implica ir contra o principio de autonomía na acción cultural das asociacións culturais.
Pola contra, nada hai que puntúe o traballo desinteresado realizado polas asociacións culturais de Redondela. Esta valoración, desde Anova, considérase necesaria para potenciar esa mesma actividade e pór en valor o traballo realizado.

A proposta do Partido Popular coincide cunha concepción da cultura como servizo ao poder e non como mecanismo de creación, expresión e participación. Anova Redondela aplaude a iniciativa de instaurar unha liña de subvencións para actividades culturais, pero non pode aceptar que se intenten disfrazar de obxectivas propostas que agochan as vellas propostas de “se me fas o favor, douche”.

Falta de planificación cultural

Por outro lado, xa pasou case un mes desde a reunión cos Centros Culturais e nada se sabe da publicacións da liña de subvencións, nin da posta en marcha de programas como o Interparroquial. Isto supón que tanto asociacións culturais como Centros Culturais teñen que modificar, retrasar ou simplemente anular a súa programación cultural.

Anova denuncia que o Concello, a través dun escrito asinado polo Alcalde e datado o 10 de maio, solicite axuda desinteresada ás asociacións para a confección de alfombras para as Festas da Coca ao tempo que é incapaz de activar as liñas de axuda á promoción cultural. Sen facer os deberes, o Concello non está lexitimado para pedir nada ás asociacións culturais.

Anova Redondela insta ao Concello de Redondela e á súa concellería de Cultura a revisar as bases co obxectivo de asegurar a autonomía de acción das asociacións culturais de Redondela e a apresurar os programas de axuda para as asociacións culturais.

Advertisements