TEÑAMOS A FESTA EN PAZ!

Anova-IN de Redondela ven de propoñer  ao Goberno Local do Concello de Redondela a adopción de medidas conducentes a reducir os niveis de contaminación acústica xerada durante as celebración das Festas da Coca por atraccións e “barracas” varias (aplicable a outras festas e eventos comunitarios similares).

festa en paz

A problemática actual:

A concepción da contaminación acústica como nociva para a saúde é un feito asumido e lexislado polas distintas administracións publicas desde hai anos, desde o nivel local ate o nivel comunitario europeo. De feito, desde 2003 Redondela posúe unha ordenanza específica sobre oparticular que cómpre aplicar canto antes neste tipo de fontes de emisión: Ordenanza Municipal sobre Protección contra a Contaminación Acústica, baseada na Directiva 2002/49/CE sobre avaliación e xestión do ruído ambiental.

-Na zona da Ribeira concéntranse actualmente as denominadas “atraccións de feira” e “barracas” (coches de choque, voadoras, tio vivos, trens, tómbolas, etc). Nesa zona dánse uns elevados niveis de ruído ambiental(1) por riba do admisible en termos de confort acústico, co consecuente malestar e efectos nocivos sobre a saúde, física e psicolóxica das persoas que por alí pasean.

-Ese “ambiente sonoro” xerado acéptase con certa inercia nas últimas décadas, nas que se ten asumido como norma “o costume” de entender as festas como un tempo e un lugar de xeración do maior grao de “ruído festivo”. A iso colaboran en grande medida as “atraccións”, as cales teñen en constante funcionamento cadansúa megafonía propia, sempre a un volume moi elevado, que sobre-pasa os valores racionais para gozar dun mínimo admisible de confort acústico na propia festa.

-O resultado é a xeración dun alto nivel de contaminación acústica que se prolonga durante todos os días de festa e fai do lugar un área molesta, tanto para viandantes como para os veciños residentes da contorna.

Proposta de actuación:

Solicitamos que nas reunións e negociacións a celebrar coas empresa de atraccións concesionarias que van ocupar o espazo público durante as festas da Coca, se inclúa:

-Unha nova medida conforme segundo a cal a instalación e funcionamento temporal das atraccións (barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo) situados en terreo de uso público municipal non poderán reproducir musica ou calquera outro arquivo sonoro (salvo a utilización da megafonía para cumprir cos requirimentos de prevencións de riscos e seguridade laboral) duranteo tempo no que estean operativos nesa festa.

-O Concello de Redondela será o encargado e responsable de establecer un sistema de “música ambiente” único que dotaría toda a áreaou recinto da festa, sempre dentro duns límites aceptables de confort acústico segundo a propia normativa municipal. Un valor de referencia, tendo en conta as circunstancias especiais deste tipo deeventos seria: 70-75 dB como máximo.

-Asemade, o Concello promoverá en adiante actividades de lecer festivas que non causen contaminación acústica e que redunden na mellora do estado do ruído ambiental no noso municipio.

-E regulará este tipo de medidas incluíndo o correspondente apartado na propia Ordenanza Municipal sobre Protección contra a Contaminación Acústica.

Advertisements