Anova esixe á Xunta que solucione os atrasos no transporte escolar

A iniciativa de Anova Redondela, Chelo Martínez, deputada pertencente ao Grupo Parlamentario de AGE, rexistrou no parlamento galego unha proposición non de lei por medio da cal esixe á Consellaría de Educación que solucione os continuos atrasos no transporte escolar que vén sufrindo o alumnado do CEIP de Outeiro das Penas e o CEIP de Quintela, en Redondela.

775744_183166428546327_585937036_o

Tal e como denunciaron publicamente as Anpas de ambos os dous colexios, os atrasos dos autobuses escolares abranguen entre 15 e 20 minutos, o que provoca importantes problemas no desenvolvemento habitual das clases. Os atrasos tamén se dan á saída da xornada escolar, e hai cativas e cativos que chegan aos seus domicilios unha hora tarde.

Malia as queixas formais das Anpas na xefatura territorial de Educación, e pese á xuntanza que se celebrou entre representantes da Consellaría, do Concello de Redondela e da comunidade escolar afectada, o problema segue sen se solucionar a día de hoxe.

Na súa iniciativa parlamentaria, a deputada por Anova no Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), demanda á Consellaría de Educación que lle esixa á empresa concesionaria o cumprimento do establecido no prego de condicións, así como que adopte as medidas necesarias para garantir unha pronta resolución deste conflito que está afectando ás comunicades escolares destes dous colexios do noso concello.

Anova Redondela apoia a manifestación que as Anpas dos colexios de Outeiro e de Quintela realizarán o día 12 de decembro, ás 10.00h desde o colexio de Cesantes, para esixir da Xunta que poña fin a esta problemática.

Advertisements