COMUNICADO DE ANOVA-IN REDONDELA SOBRE A SUSPENSIÓN DE MILITANCIA DE 17 PERSOAS DESTA ASEMBLEA

Diante das novas que están a aparecer en distintos medios, reunida a  Asemblea de Anova-Irmandade Nacionalista de Redondela acordou, por unanimidade, comunicar o que segue.

Nun momento en que a maioría social está a ser agredida por unha ofensiva brutal dos poderes económico-financeiros, faise preciso construír unha fronte ampla de defensa do Ben Común. É por iso que todas e todos somos precisos e non sobra ninguén. Mais para a construción desa ferramenta de defensa dos intereses socias da maioría, é preciso poñer o que nos une por diante do que nos separa, o Ben Común por riba dos intereses de parte.

Entendemos, tamén, que Anova-Irmandade Nacionalista ten razón de ser en canto sexa quen de levar á práctica un novo xeito de facer política, no que a organización sexa apenas unha ferramenta ao servizo da cidadanía e non un fin en si mesma. Para caer en vellas e negativas prácticas da política, non é preciso construír nada novo.

Consideramos que en política non todo vale; que debemos ser coherentes en todo momento e asumir na nosa praxe política diaria aquilo que reclamamos para a sociedade. Non nos podemos presentar ante a sociedade cun discurso de rexeneración democrática se consentimos dentro da propia organización actuacións que van contra os principios ético-políticos que asumimos colectivamente.

E en Redondela viñéronse dando, por parte dun grupo de militantes, actuacións concretas e comportamentos que a maioría da Asemblea considerou desleais co proxecto político da organización e carentes da mínima ética, ao máis vello estilo da política de sempre. Cando a Asemblea de Anova-Irmandade Nacionalista de Redondela tomou democrática e libremente unha decisión contraria ao parecer destas persoas, montaron unha asemblea paralela; usurpouse a identidade de Anova nas redes sociais usándose, ademais, eses espazos na rede para difamar compañeiras e compañeiros; leváronse a cabo actuacións políticas de costas á Asemblea…

Logo de meses aturando esta situación, de moitos intentos frustrados de reconducir a situación e ante a constatación de que estes feitos non foron produto dunha equivocación puntual senón que formaban parte da práctica política deste grupo de persoas e que se mantiñan no tempo, a maioría da Asemblea de Anova-Irmandade Nacionalista de Redondela considerou que estas actuacións tiñan que ser postas en coñecemento da Coordinadora Nacional e posteriormente da Comisión Ética e de Garantías de Anova, órgano elixido por toda a militancia na Asemblea Nacional que vela por que se cumpran os principios ético-políticos de Anova-Irmandade Nacionalista.

A suspensión de militancia de 17 persoas en Redondela prodúcese, pois, non por diferenzas políticas ningunhas, senón por feitos concretos, demostrados e contrarios aos principios de Anova.

A resolución da pasada Coordinadora Nacional de 14 de decembro a respecto da Comisión Ética e de Garantías simplemente aclara as competencias que xa foran establecidas pola Asemblea Nacional nos seus principios organizativos e ético-politicos.

ANOVA Irmandade Nacionalista de Redondela

Advertisements