ANOVA-IN Redondela ESIXE Ó CUMPRIMENTO DA ORDENAZA REGULADORA DO USO DO GALEGO NO CONCELLO DE REDONDELA.

Desde principios dos anos oitenta, mesmo desde antes de ser aprobada a Lei de Normalización Lingüística, (15 de xuño de 1983) Redondela foi un referente para toda Galicia de normalización lingüística da Administración. O Estatuto de Autonomía de Galicia aprobado en 1981 recoñece o galego como lingua propia de Galicia, a que ”todos temos o dereito de coñecela e usala”, e ó mesmo tempo responsabiliza os poderes públicos da súa normalización en tódolos ámbitos .

A Lei de Normalización Lingüística garante e regula os dereitos lingüísticos dos cidadáns, especialmente os referidos ós ámbitos da administración, a educación e os medios de comunicación. En setembro do 1998 o Pleno do Concello aprobou a Ordenanza Reguladora do Galego no Concello de Redondela que, de acordo co estipulado no Estatuto de Autonomía e a propia Lei de Normalización Lingüística, establece:CAPÍTULO I, Artigo1.”O galego, como lingua propia de Galicia, é o idioma oficial do Concello de Redondela”.CAPÍTULO III, Artigo 6. ”Os servizos da Oficina de Información e demais unidades administrativas que teñen unha relación co público máis intensa promocionarán o uso do idioma galego mediante a utilización como lingua normal de comunicación e a información ós cidadáns dos seus dereitos lingüísticos, de acordo cos criterios de máximo respecto e non discriminación.

O disposto no presente artigo tamén é de aplicación ás empresas ou entidades que presten ou realicen servizos públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto de calquera tipo de contrato, e deberán acreditar que teñen persoal cualificado suficiente para este fin”. CAPÍTULO VI, Artigo 11. ”Consonte co disposto no artigo 10 da lei 3/de 1983 de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do territorio municipal do concello de Redondela é igual que a dos demais topónimos de Galicia”.

Artigo 12. ”Os rótulos e sinalización da casa do Concello, dos outros edificios e servizos públicos e da rede viaria municipal serán redactados en idioma galego”. Cando o interese xeral o requira, tamén se poderán redactar en castelán ou noutro idioma”. CAPÍTULO VII, Artigo 13. A declaración da oficialidade do idioma esixe que todo o persoal ó servizo do Concello estea en condicións de empregalo nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán e de acordo coa natureza dos seus postos de traballo. CAPÍTULO X, Disposición primeira. O disposto nesta ordenanza para os servizos municipais será igualmente de aplicación ós adxudicatarios de contratos administrativos privados ou de calquera natureza, incluídos os convenios concertados ou adxudicados polo ConcelloDISPOSICIÓN IV. O Concello de Redondela, en defensa dos dereitos e intereses dos veciños e veciñas deste municipio, actuará en defensa do seu dereito ó uso do idioma propio e oficial de Galicia. Poderá, para este fin, recibir, tramitar e apoiar queixas e iniciativas para asegurar a plena normalización da lingua galega.

Pois ben, nesta institución local tan premiada e gabada pola boa utilización do noso idioma, o Concello de Redondela, desde hai algúns anos, non só se teñen abandonado políticas de apoio e promoción do galego, senón que se están dando pasos en sentido contrario e mesmo incumprindo os mandatos da Lei de Normalización Lingüística e da propia Ordenanza Reguladora do uso do Galego no Concello de Redondela, aprobada pola corporación municipal en sesión plenaria o 22 de setembro de 1989.

Este incumprimento comeza polo propio Concello: algúns dos funcionarios xa non atenden á cidadanía na lingua propia tal e como indica a ordenanza; moita da rotulación interior e exterior do Concello está en castelán; o Servizo de Normalización ten tarefas asignadas que lle impiden desenvolver as competencias para as que foi creado; os cursos de alfabetización de galego desapareceron; a sinaléctica viaria do Concello, de competencia municipal, está escrita incorrectamente en galego e outra en castelán (sinais de vado permanente, …. indicar o resto dos casos); as empresas concesionarias de servizos públicos ignoran e desprezan a ordenanza do galego, e é de público coñecemento as denuncias e queixas formuladas pola veciñanza ó Servizo de Normalización, á Alcaldía e mesmo ó Valedor do Pobo…

O 15 de maio de 2013 o grupo ANOVA, preocupado pola situación de crecente desamparo da lingua galega por parte do goberno municipal, presentou por rexistro un escrito de queixa denunciando esta situación e solicitando o cumprimento da legalidade municipal vixente respecto da normalización da lingua galega. Este escrito foi contestado, pero até o momento , malia ter pasado máis de medio ano, o goberno municipal continúa sen cumprir nin facer cumprir a ordenanza reguladora do uso da lingua galega.

En resumo, ante a incapacidade,o desleixo e a falla de sensibilidade amosada polo Goberno Municipal respecto do cumprimento da Ordenanza reguladora do galego no concello de Redondela, vémonos na obriga de presentar este novo escrito no que novamente e de xeito rotundo,

SOLICITAMOS:
1.- Que o Concello cumpra os mandatos da Lei de Normalización Lingüística e da Ordenanza do galego no concello de Redondela

2.- Que se adopten as medidas necesarias para esixirlles ás empresas concesionarias dos servizos municipais o cumprimento da Ordenanza.

3.- Que o servizo de normalización lingüística do concello se limite a desenvolver as funcións que a propia ordenanza lle encomenda.

  1. O control e supervisión da aplicación da ordenanza e da normativa vixente en relación coa normalización lingüística.
  2. A elaboración de plans e programas de actuación.

 

Advertisements