Relatorio de feitos dos expedientes de Redondela

Diante da polémica que se veu dando arredor da suspensión de militancia de 17 persoas desta Asemblea, a Asemblea de ANOVA Irmandade Nacionalista de Redondela quere manifestar o seguinte:

Anova-IN ten vontade de ser unha organización aberta e transparente, polo que malia ás reticencias á alimentar polémicas interesadas, vémonos na obrigada de achegar información que permita coñecer os feitos concretos e demostrados, os cales conduciron a esta situación. Son estes feitos, e non diferenzas políticas de ningún tipo, o único motivo da apertura do expediente disciplinario por parte da Comisión Ética e de Garantías (CEG), do que se derivaron medidas que afectaron a 17 militantes de Redondela.

Deuse un debate en Anova-IN Redondela arredor do modelo organizativo a adoptar localmente. Había acordo unánime sobre dous puntos: a Asemblea era o máximo órgano soberano, que prevalecía sobre calquera outro, e considerábase preciso crear grupos de traballo para fomentar e facilitar a implicación no traballo diario de toda a militancia. As diferencias xorden sobre se a Asemblea debía elixir unha Coordinadora ou non. A partires de aquí, dánse os seguintes feitos demostrados:

  • O 28/11/12 a Asemblea toma a decisión de crear diversos grupos de traballo con carácter propositivo e deliberativo, coa finalidade de iniciar o traballo de Anova na localidade, estando estes suxeitos a remodelación, división, eliminación… Da orde do día desa mesma sesión decae o punto referente á Coordinadora por falta de consenso e de tempo para un debate profundo, quedando este emprazado para seguintes xuntanzas.
  • O 27/01/13 a Coordinadora Nacional de Anova remite unha circular cos acordos adoptados por esta, entre os que están unhas medidas mínimas de harmonización organizativa:
    • “Unha asemblea estatutariamente constituída precisa cando menos dunha Coordinadora Local de xeito análogo á Coordinadora Nacional respecto da Asemblea Nacional”.
    • “A participación e o exercicio dos dereitos e obrigas de afiliación exerceranse na asemblea de base correspondente, caso de non existir asemblea na localidade de residencia a afiliación adscribirase á asemblea local constituída máis próxima.”
  • O 29/01/13 catro persoas emprazan a toda a militancia de Anova a que apoien unha convocatoria de asemblea para o 06/02/13, cunha orde do día onde o punto principal di “3. Elección do modelo organizativo de Anova Redondela. Os afiliados convocadores presentarán unha proposta para ser considerada e aprobada pola asemblea se procede”. Esta petición, apoiada por 18 persoas afiliadas, baséase nos seguintes argumentos:
    • Anova levaba meses inmersa nun debate continuo arredor do modelo organizativo, sen que se chegara a un consenso, particularmente no referente á Coordinadora. Durante estes meses todas as persoas militantes puideron expresar o seu parecer nas diferentes asembleas abertas celebradas, en roldas de correos electrónicos…
    • No Grupo de Traballo de Administración, encargado das convocatorias de asemblea, non se chega a un consenso sobre a orde do día ao reproducirse nel os debates das asembleas.
    • Hai unha petición, por parte da Coordinadora Nacional, de creación duns órganos mínimos en aras da harmonización.
  • O 30/01/13 o Grupo de traballo de administración, reunido sen parte dos seus integrantes, fai outra convocatoria de asemblea para o 04/02/13.
  • O 03/02/13 diante da convocatoria simultánea de dúas asembleas, nun intento de mediación o Responsábel de Organización remite un correo a toda a militancia instando a suspender ambas convocatorias e a recuperar o consenso. As persoas que propuxeran a convocatoria do día 06/02/13, desconvocan a asemblea. As persoas que, por medio do Grupo de administración, propuxeran asemblea para o día 04/02/13 seguen adiante coa súa convocatoria.
  • O 04/02/13 celébrase, efectivamente, esa asemblea, á que asisten 11 persoas afiliadas de Anova. Nesa asemblea desígnanse a Xabier Garaloces e Cristina Blanco como portavoces da asemblea comarcal, a Xabier Garaloces, tamén, como representante comarcal, e crease unha Coordinadora. Eses acordos son publicitados nas redes sociais e envíanse á prensa (ver Faro de Vigo do 08/02/2013, http://www.farodevigo.es/comarcas/2013/02/08/formacion-politica-anova-organiza-comarca-modelo-asambleario/753928.html). Nesa mesma asemblea e aludindo a razóns de seguridade, cambian as claves do correo e redes sociais de Anova Redondela.
  • O 7/02/13 a Comisión Permanente de ANOVA a través do responsable de organización empraza as persoas afiliadas de Anova Redondela a unha asemblea local a celebrar o 15/02/13, e designa unha delegación da Permanente integrada por Luís Eyré, Antonio Arauxo e Mariano Abalo para a moderación da sesión.
  • O 15/02/13, constitúese a Asemblea de Redondela, de xeito libre e soberano, coa presenza de 29 persoas afiliadas das 35 que nese momento formaban ANOVA Redondela, aprobando por maioría absoluta (22 votos) o regulamento de funcionamento e elixindo tamén por maioría absoluta as persoas que integran a Coordinadora Local e ao representante comarcal, non exercendo o seu dereito a voto sete persoas alí presentes.
  • A utilización do correo electrónico e dos perfiles de ANOVA continúa a ser manipulado para o descrédito da propia organización e ao servizo de intereses particulares. A persoa que recoñeceu ter mercado o dominio ANOVA Redondela, asegura que llo entregou a unha empresa. Ademais de abrir novas páxinas baixo a identidade de ANOVA Redondela, onde continúa a publicar ou eliminar contidos segundo a seu interese e coa intención de desprestixiar a compañeiros da organización.
  • Tendo por presentados estes feitos ante a Coordinadora Nacional da ANOVA-IN, esta acorda trasladalos á Comisión Ética e de Garantías, que inicia un expediente e acode a Redondela para posibilitar ás partes en conflito expoñer as súas versións. A esta cita acoden as sete persoas da Coordinadora Local por parte de Anova Redondela e unha persoa por parte das expedientadas. As demais (16), non comparecen. A CEG continúa co expediente e resolve a suspensión cautelar de militancia destas 17 persoas, dándolles os prazos correspondentes para recorrer. Finalmente resolve a expulsión temporal de ANOVA destas persoas, durante un ano nun dos casos, e durante tres anos nos restantes.

Vivimos un momento en que a maioría social está a ser agredida con medidas que levan ao seu empobrecemento xeneralizado, á perda de dereitos e liberdades de todo tipo, á privatización de servizos públicos básicos… Sendo así, consideramos que o esforzo, traballo e enerxía de Anova deben estar enfocados neses graves e ben reais problemas da xente e non en eternizar leas internas.

Nós, damos por concluído este asunto e imos continuar a traballar en ANOVA Irmandade Nacionalista para o ben común, en colaboración cos colectivos e persoas que, en Redondela e en Galiza camiñan e constrúen cara un futuro mellor para a xente.

Advertisements