Anova Redondela

Anova Irmandade Nacionalista xorde como un proxecto político que tenta recuperar a dignidade dunha acción política baseada na radicalidade democrática; nos principios republicanos de igualdade, liberdade, fraternidade e laicidade; na conciencia sobre os límites ecolóxicos do planeta; na loita contra calquera caste de discriminación; na permanente fiscalización por parte da cidadanía dos elixidos e elixidas e en que a orientación das políticas, en todos os ámbitos, deberá sempre estar presidida pola defensa do benestar das maiorías sociais e a defensa das minorías oprimidas, en definitiva, na procura do ben común. Anova pretende servir de enlace entre a cidadanía do común e as institucións, presentando as diferentes iniciativas que xa se atopan presentes na sociedade e facelas realidade.

Despois dun tempo debatendo como organizármonos, o pasado día 15 de febreiro constituíuse oficialmente a Asemblea Local de Anova Redondela e elixiuse unha Coordinadora que quedou composta como segue:

  • María Xesús Diéguez Roxo (Portavoz e responsable de coordinación)
  • Xosé Luciano Otero Caminha (Portavoz e responsable de coordinación)
  • Xoan Rafael Vilas (representante na Coordinadora Nacional)
  • Carme Varela Trigo (responsable de organización)
  • Francisco Pérez Piñón (responsable de finanzas)
  • Helena Amoedo Barros (responsable de comunicación)
  • Paulo Jablonski Garcia (responsable de comunicación)

coordinadora

 

Esta coordinadora ten a súa base nas asembleas e na participación cidadá, non deixa de ser mais que unha representante das decisións e accións que leve a cabo a Asemblea soberana de Anova en Redondela.

Estamos no proceso de construción e, como di Xosé Manuel Beiras: “Cómpre agora continuar afondando na construción de Anova para afrontar os retos que temos: estabelecer alianzas entre a sociedade civil e forzas políticas rupturistas para ter unha alternativa ao sistema que apodrece a nivel mundial”.

Advertisements